Blogia
FUNDACIÓN PACO LAREO

ESTÉTICA E ESPIRITUALIDADE
por LUÍS QUINTEIRO FIUZA

<center>ESTÉTICA E ESPIRITUALIDADE<H6>por LUÍS QUINTEIRO FIUZA</H6></center>
ESTÉTICA E ESPIRITUALIDADE
Un dos fenómenos máis interesantes que se están a producir no eido da cultura do noso tempo é a recuperación, sen complexos ideolóxicos, da espiritualidade como dimensión inesquecible da existencia humana. Non deixa de resultar rechamante que, despois da radical sospeita da razón ilustrada poio que respecta á relixión, sexa a actividade artística a canle máis doada a través da que se está a producir este novo rexurdir do feito relixioso.
En realidade, na historia da cultura e na vida concreta de cada persoa sempre estiveron estreita e fondamente conxugados o pulchrum e o sacrum. Xa no noso século foi o fenomenólogo alemán da relixión Rudolf Otto quen, na súa obra clásica Das Heilige, reivindicou con máis forza a necesidade de tomar absolutamente en conta a dimensión do sagrado para poder entende-lo ser humano como existencia aberta por natureza á transcendencia.
Ninguén poderá nunca esquece-lo cambio epocal que trouxo consigo o emprego sistemático da razón ilustrada nos diferentes campos da vida humana. Pero a esta razón ilustrada tamén Ile chegou a súa crise. E foi o filósofo Martin Heidegger un dos pensadores contemporáneos que analizou con máis radicalidade as consecuencias últimas desta crise. Ata o punto de que a súa análise levouno ós albores mesmos do nacemento da filosofía, para, desde alí, retoma-las augas puras da interrogación humana polo ser e polo sentido da realidade.
Nos seus comezos, a pregunta do ser humano polo cosmos e por si mesmo dentro del maniféstase como admiración e fascinación polo misterio da realidade que se ergue diante de nós como un factum que nos vén dado. E é xustamente a fascinación polo misterio da realidade unha das raíces do fenómeno relixioso universal.
A cultura dos nosos tempos está profundamente marcada por esta volta á pureza primeira e radical da vida e do pensamento. Aquí hai que situar tamén os avatares da permanente inquietude dos nosos días pola autenticidade ética.
No interior existencial dos artistas de tódolos tempos adiviñámo-la arela de acada-la autenticidade dunha realidade en continuo cambio. Coa urxencia que sempre tivo para os que se consagran ó cultivo da dimensión estética da realidade, eles bitan tamén hoxe a cotío por descifraren en categorías de sinxeleza as complexas tramas dun mundo que se nos fai cada día máis difícil de abranguer.
Por todo oque levamos dito, ternos que sentirnos intimamente agradecidos a aqueles que desde A Solaina consagran o mellor de si mesmos para descifraren, desde a forza demiúrxica do seu talento artístico, as complexas claves dun mundo que non pode renunciar nunca á utopía da súa sinxeleza orixinal.
Así como en tempos pasados, quen se achegou á Academia de Platón ou ó Liceo de Aristóteles entregou o mellor de si mesmo ó cultivo da sabedoría, cómpre que tamén hoxe os homes e as mulleres dos nosos tempos atopen lugares de referencia simbólica para poderen consagra-las súas enerxías á busca gratuíta do sentido último da realidade. Deste xeito, poderannos ofrece-lo froito do seu esforzo. desde a relevancia da obra de arte. ós que habitamos no mundo cotián.
LUÍS QUINTEIRO FIUZA,Obispo de Ourense, na IV Xuntanza Obradoiro-Internacional das Artes Plásticas.

0 comentarios