Blogia
FUNDACIÓN PACO LAREO

SeCHu SeNDe

Sechu Sende

Falar

Teño un ano e poucos días e cando escoito Clara presto atención.

Escoito ás persoas que viven nesta casa e aprendo cousas todos os días. Mamá ten outro nome que é Laura e cando mamá chama por Tomás sei que ese é papá. De vez en cando veñen outras persoas á casa, e as que teñen enrugas nos ollos e sempre están rindo son avó e avoa. Tamén está Rula, que é pequeniña e vive dentro dunha gaiola.

Sei que estou nunha idade complicada porque o día menos pensado teño que comezar a falar, que é algo que non se fai todos os días. Falar facilita moito as cousas. Cando saiba falar por fin van saber que se choro de noite non sempre é porque teña sede ou me doa a barriga, porque as veces soñó cousas que non entendo. As cousas que non entendo son moitas aínda que hai unha que me preocupa especialmente.

Nesta casa falan dunha forma moi estraña. A mamá, papá e aos avós cando están comendo, por exemplo, escóitolles palabras como Sopa, Pásame o pan, Un pouco de sal, ou Biscoito. Eu poño o oído e escoito e vou aprendendo.

Rula é unha persoa diferente, fala dunha maneira que se chama cantar ou asubiar, que llo escoito a mamá: Que ben canta Rula, ou Asubía un pouquiño, Ruliña. Antes cando estaba soa ás veces intentaba falar como Rula, pero nunca sabía o que quería dicir. Como Rula so sei dicir ffffi ou ffffu.

Aínda que ese non é o problema, porque realmente ninguén fala como Rula nesta casa. Mamá dille de cando en vez cousas lindas A ver, bonitiña, aquí che traio alpiste, mais dillo como fala mamá, sen ruídos raros.

O problema é que de escoltar falar a mamá, papá e os avós eu xa sei polo menos cen palabras como Peido, Pis, A nena ten fame, Xa é de noite, Esta nena é moi tranquila e moi lista, Vai chover e cousas así. Eu escoito e gardo esas palabras para min e repítoas por dentro. Hai moitas palabras que escolto que aínda non comprendo como Quilómetro, Enciclopedia ou Empanada de Xoubas.

O problema que teño é que, por exemplo, mamá cando fala de min con papá di A nena está esperta e de repente ven onda min e dime: Ay, mi niña que ya despertó, ya despertastes, Clara? E eu sei que Clara son eu, mais aínda non sei porque me chama Mi niña se eu son A súa nena. Papá fai o mesmo, está falando coa avoa e di A nena debe ter fame e vén e dime Clara, cosita, tienes hambre? E eu abro moito os ollos, intentando comprender que pasa aquí.

É unhna situación estraña que se repite continuamente. Entre eles non, mais comigo cambian de forma de falar

E agora estou nun dilema, porque pensó que están esperando a que eu me poña a falar un día destes. Eu xa sei dicir Mamá en segredo. Dígoo cando estou soa porque quero practicar e teño medo de que cando o vaia dicir por primeira vez me saia mal. Mais o meu dilema é que non sei se botar a falar como falan meus pais cando falan entre eles e con meus avós ou se poñerme a falar desa outra maneira en que me falan a min.

Rula polo menos sempre fala igual.

Eu é que a meus pais non os acabo de entender. De momento vou esperar un pouco, a ver se se aclaran. Aínda que se non queren que fale como eles as súas razóns terán. Digo eu...

Texto do libro "Made in Galiza",lido por Séchu Sende na VIII Forxa literaria


1 comentario

Juan Freire -

Aínda nos pasou onte algo así. Estabamos ca nena dun amigo falando entre nos (e con ela, si cabe), chegou a miña nai e unha amiga, e foi coller a nena e poñerselle a falr castelán... eu de verdade que tampouco o entendo.

Moi bo artículo, noraboa.