A XEITO DE PRESENTACIÓN por XOSÉ LUNA
BOA TARDE A TODOS, AMIGAS E AMIGOS.
Hai tempo, nunhas xornadas en Cuntis adícadas ao xornalista e poeta Roberto Blanco Torres -que como sabedes era oriundo das terras de Deza, o seu pai Pedro Blanco Torres era natural da parroquia de Donramiro no concello de Lalín-, un amigo meu, poeta, preguntoume, no medio dunha das conferencias, se sabía qué era iso da Solaina de Piloño. A verdade que aínda que eu puxen todo o ímpetu en explicarlle, pois que era unha Casa-Museo, un espacio aberto a todo o mundo, onde se desenvolven exposicións, encontros internacionais, obradoiros, forxas literarias.., el seguía sen velo claro. E recordo, recordo, que tiña nas miñas mans a edición facsímile que se viña de facer do libriño Orballo da media noite. Abríno e saíume o Poema do Alfareiro. Lino en baixa voz, paseillo ao meu amigo, leuno paseniñamente, e asentiu coa cabeza. Agora tiña unha visión poética do que era a Solaina de Piloño.
Ti crês que o Mundo está feito
pró teu regalo,
e n-él danzas, jogas, vives, sin pensar n-outra cousa. Pois non; o Mundo faise
está facéndose;
II será o que ti queiras i-outros queiran,
e compre non Ile furtes teu esforzo.
( )
Arranja ó teu amor o cosmos,
no desorde pon ritmo,
no amorfo, arista.
Traballa e descansa;
e baijo do ceo infindo
frúe a beleza da túa obra,
chea de concentos eternaes.
Despois de cada jornada
regusta o júbilo fecundo
de crear, de trocar a Nada
en forma, dándolle senso e vida.
Racionaliza o caos e séntate â dereita de Deus-pai.
Efectivamente, a Solaina ten a capacidade de crear, de trocar a Nada en forma, dándolle senso e vida. Por iso cando meu bo amigo Paco Lareo, que compartiu comigo, ao longo deste ano, moitos proxectos e soños literarios, invitoume a participar nesta xuntanza cultural, nesta V Forxa Literaria adícada á memoria de dous grandes músicos, de dous dinamizadores culturais, de dous homes que amaban á súa Terra, Luís Areán e Xosé Casal, contesteille que para min era unha honra.
Díxome, tamén, Paco, que ía vir a persoa que teño ao meu carón e que lle gustaría que eu a presentase e, por suposto, accedín encantado porque, amigas e amigos, Francisco Pillado Mayor é para min, mellor dito, é para a miña xeración, un referente, un deses homes imprescindibles. Fixádevos senón.
Principios dos anos 70. Francisco Pillado Mayor, Pancho para os amigos, fala co seu pai, daquela subdirector de La Voz de Galicia e dille: Mira, este heme, esta persoa, é absolutamente descoñecido, está absolutamente ignorado, e creo que a miña obriga é dalo a coñecer. Se ti me permites eu fágolle unha entrevista, O seu pai dille que adiante. A entrevista era a Manuel Daniel Varela Buxán, que levaba máis de 20 anos en Galicia sen que ninguén soubese da súa existencia. Anos máis tarde, así o recoñecía o mesmo Varela Buxán: Dende que ti... escomenzaches a esparexer o meu nome, ...tudas son satisfaicións pra min...chamáronme para que fora a falar a Burela... En Vigo e Pontevedra estanse representando simultaneamente obras miñas. O día 5 do mes que ven... fanme unha homenaxe... e tuda ista ledicia lla debo, sin dúbida, ó irmán Pancho, que foi o que promovéu isto en Galiza.
Se ti non foras, amiguiño meu, ¿Quen me coñecía eiquí? Eu seguiría caladiño en Cercio e nadie sabería que houbo un galego que fixo o que puido polo noso teatro
Ben. Quixera, moi brevemente, falarvos do abraiante curriculum de Francisco Pillado, de toda a súa traxectoria e, de verdade, de verdade, que teño que facer un exercicio de síntese, para desbullar todo o seu quefacer como director, investigador, ensaista, dramaturgo, tradutor e adaptador.
Foi o cofundador do grupo de teatro O Facho (grupo que debuta no ano 1965, cun espectáculo dirixido polo propio Pillado na Sala de Exposicións da Casa da Cultura da Coruña, ante un público de auténtico luxo, alí estaba xente como García Sabeli, Rof Carballo, Silvio Santiago, Juan Naya ou Leandro Carré Alvarellos).
Cofundador da Escola Dramática Galéga, e precisamente poio seu labor como director dos cadernos, imprescindibles para calquera investigación neste terreo, foi galardoado no ano 1989, co Premio da Crítica.
Cofundador da Compañía Luís Seoane e do Clube Teatral Elsinor. E tamén foi fundador e director da colección Castrodouro-Teatro e da revista Don Satúrio.
Ten publicado, entre moitos outros, os ensaios Glosa do Teatro Galego (1984), 0 Teatro de Luís Seoane, (1985) e O teatro de Manuel Lugrís Freire.
En colaboración con Manuel Lourenzo publica: O Teatro Galego (1979), libro que Ile adican a Varela Buxán e á memoria de Leandro Carré Alvarellos e Antoloxía do Teatro Galego (1982), obras que tiveron como obxectivo principal impulsar os estudos teatrais como parte dunha común empresa de cultura e de país. Como complemento ás dúas obras citadas publican, no 1987 o Diccionario do Teatro Galego, diccionario de fácil e rápida consulta que abarca dende 1671, ano do Entremés de Feixó de Araúxo
-primeira obra coñecida na nosa dramaturxia-, ata 1985.
Como dramaturgo Pillado é autor, entre outras, das obras: Fígaro ou a inútil precaución e Cyrano de Bergerac, esta en colaboración con Paulino Pereiro. Ambas as dúas obras foron estreadas por Librescena. Tamén por encargo deste grupo teatral fai unha adaptación de O barbeiro de Sevilla.
Como traductor e adaptador verteu ao galego, entre outras, obras de Federico García Lorca, Chekhov, Genet, Ionesco, Beckett ou a Máxia Vermella de Michel de Ghelderode.
En colaboración con Miguel Anxo Fernán-Vello ten publicado dous libros hoxe en día fundamentais: Conversas en Compostela con Carballo Calero e A Nación incesante, libro de conversas con Xosé Manuel Beiras.
Na actualidade dirixe a revista de Teatro Casahamlet, os Cadernos de Teatro, e tamén ese incrible, marabilloso e comprometido proxecto editorial chamado Laiovento, nome que o mesmo Pillado tomou prestado da peza teatral Vento nocturnio de Ramón Otero Pedraio, o vello fidalgo vivía no pazo de Laiovento. A editorial que, precisamente, vén de celebrar o seu X aniversario destaca pola súa preocupación pola cuestión do idioma e a recuperación da memoria histórica do noso país.
Pillado é sabedor de que a nosa cultura é o noso mellor patrimonio, quizais por iso regalou a soberbia biblioteca do seu pai á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago; e quizais por iso, tamén, regalou o seu excepcional arquivo teatral á Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, na que se creou a Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Mayor.
Gusta da música. Toca o piano, é un bo orador, un bo conferenciante e, como algúns dos que estades aquí tendes comprobado nalgunha velada, é un excepcional contertulio.
Considera esperpéntico que os medios de comunicación falen de bombardeos humanitarios. Sabe practicamente de memoria os poemas de Federico García Lorca. Se tivera que recomendar unha lectura, de seguro, esta podería estar entre os Jrmdns Karamazov de Dostoyevsky, o Merlin e familia de Álvaro Cunqueiro, o Calendario do perpetuo, de Xosé María Álvarez Cáccamo ou calquera dos esperpentos do seu admirado Valle Inclán.
Preguntáronlle, hai un par de anos, cal era a súa análise da producción literaria galega e contestou con esta xenialidade:
O panorama é patético, tanto na Galiza como no Estado. As afinidades selectivas de Goethe leva esgotado máis de dez anos. É como se, na música, desaparecese das tendas a V Sinfonía de Beethoven.
En fin. Francisco Pillado Mayor, o adalide da nosa dramaturxia, é unha das persoas que máis leva traballado a prol do teatro galego. É un dos intelectuais que máis traballou e segue a traballar a prol da cultura do noso país. E o seu compromiso estético e, sobre de todo, ético maniféstase, está presente, en todos e cada un dos seus proxectos, en toda a súa traxectoria vital; sempre na boa e sabia compaña da súa compañeira, da súa muller, NoIi Vega, á quen Varela Buxán Ile adicou o libro O cego de Fornelos, pola sila bondade e outros méritos de galeguidade.
E remato. Dicía ese xenial poeta e excepcional dramaturgo alemán, Bertoid Brecht, algo así como que: Hai homes que loitan un día e son bos; hai outros que loitan moitos días e son mellores; e hai, e hai, os que loitan toda a vida e eses, eses, son os imprescindibles. Pois ben, amigas e amigos, hoxe temos aquí, connosco, para abrir esta V Forxa Literaria, a un deses homes imprescindibles da cultura do noso país, a un deses loitadores da vida, Francisco Pillado Mayor; Benvido á Solaina de Piloño.
XOSÉ LUNA na inaguración da V FORXA LITERARIA presentando a FRANCISCO PILLADO
0 comentarios