MaSiMaL, exposición de Paco Lareo
Notas sobre a obra de Francisco Lareo por Alvaro Negro
Normalmente ante unha imaxe o noso ollo está acostumado a prestar atención primeiramente ás liñas e volumes que debuxan signos, formas ou figuras (sexan estas abstractas ou figurativas), é só despois, cando escrutamos os detalles e reparamos en como estes se integran sobre o fondo da imaxe. No caso das obras de Francisco Lareo ocorre ao contrario, a delgadez e minimalismo do que "escribe" non se impón sobre o fondo pictórico, xorde dende o interior do mesmo. É por isto que comezo a miña lectura dende unha análise da propia materia pictórica coma fondo e o que este agocha.
O seu modus operandi habitual consiste en pinceladas de ritmo curvo e constante que percorren o lenzo de límite a límite, procurando a vibración da cor e da luz, unha sensación de volume lumínico froito das propias características físicas do óleo. A min, particularmente, os fondos evocáronme moitas imaxes: o ritmo do vento nun campo de millo, a carballeira na escuridade..., e mais e mais sensacións de paisaxe, pero tamén o cabelo en trenzas caendo sobre as costas dunha muller. Todo isto ten que ver coas liñas ornamentáis barrocas que tenden cara a un movemento infinito na súa continua pregadura, na súa traxectoria mais aló do límite do visíbel ou a propia fisicidade da materia. Se a idea do cadro como xanela renacentista remitíanos á propia idea de marco como límite da ilusión de perspectiva, de fuga cara a un centro; no barroco ese marco é unha pregadura mais deses movementos continuos de despregadura e repregadura onde xa non hai centro ou este está en todas as partes. Como dicía Deleuze: "o trazo do Barroco é a despregadura que vai ata o infinito". Confórmanse así atmosferas através dunha pintura que paradoxicamente é paisaxe, natureza, ao mesmo tempo que espazo teatral, artificio, un espazo de aberturas imperceptibeis, de iluminacións escondidas; como nunha caverna escura que hai que alumear para que as inscripcións sexan visibeis e deán comezo á representación. Así tampouco foi casualidade que a caverna fora a escenografía onde aconteceu un dos mitos de iniciación da imaxe, da representación e da pintura: o mito platóni¬co da caverna, co que se inaugura a teoría occidental do coñecemento. Pensemos en tres espazos simbólicos, en tres modos de representación como tres estruturas superpostas: o espazo arquitec¬tónico dunha catedral, o retablo escultórico dunha das súas cápelas, ou a planitude dun fresco pictórico; todo nos remite a esa caverna de claroscuro que no caso da obra de Lareo se entrevé entre os sucos dunha pincelada esencialmente barroca. É asi que os fondos dos seus cadros, nos seus monocromatismos ou bicromatismos abstractos, son mesmamente representación, paño escenográfico para unha historia que se conta através do debuxo na materia. Non é casual, pois, que as formas se inscriban por incisión ou sobreposición da materia, materia sobre materia, pregue sobre pregue, imaxe sobre imaxe, ou tamén, escrita de liñas curvas no aire (nas esculturas) ou no óleo (nas pinturas).
Porque o óleo é paisaxe, auga, lume, borrasca, bosque... Ceo ou inferno... Moitas palabras posibeis que non deixan de ser a base dunha alegoría, dunha metáfora, de figuras lingüísticas (figurativas ou abstractas) que son mensaxes, historias de autocoñecemento. Francisco Lareo constrúe unha autobiografía falsa feita como un puzzle de pinturas, debuxos e esculturas que finalqmente derivan nunha verdade tan relativa coma toda verdade que acontece cando falamos do coñecemento através da expresión artística. Reescribir, repintar ou reesculpir a propia historia, é sempre un acto onde o creador se enfronta as dúbidas da súa propia existencia. Nesas dúbidas é onde paradoxicamente se atopa a autobiografía verdadeira, tamén a de Francisco.
A cinta da máquina de escribir, virxe sen a gravura das letras, é o seu eterno "aquí e agora", o eterno momento sublime do lenzo en branco que queda por "barroquizar", por encher de liñas e pregaduras da alma e a materia.
0 comentarios