Blogia
FUNDACIÓN PACO LAREO

LoReNa SouTo

clausura 190
Lorena Souto

Unha respiración eco das paredes
que me envolven nas súas vidas.
A voz búscame
con caricias grises e traxectorias de po
E alí, os meus dedos
apañando historias ocultas,

lembrando un percorrido que identifico
túas mans fortes.

1890

O soñó da orixe.
A trabada do lume na pedra,
os restos do carbón de cachopa,
aquel xeito propio de percibir
as cores quentes
na boca da escuridade.

Tócoo todo.
Sinto a dureza cedendo ao tacto,
a prolongación das túas extremidades
petando na miña memoria
co golpe do esteixador.

O recordó témplase con lume
e auga
co dente da talleira
sobre a zafra
e a lingua húmida da moa.

Na miña pel queda
o sinal que imprimes en cada peza.

1952

Cara a noitiña
a calidez da forxa
acolle silencios e confidencias,
o vapor do ferro e os netos de tinto da Florinda.
Sábese das feridas e dos pesadelos,
do amigo morto na loita do río,
das cartas atlánticas do irmán maior.

Pero entón, Pilono é ese
e ninguén soña xa en alto
porque entre as xuntas das paredes
os sapos escoitan
e o medo aconsella.

A escuridade do inverno
desténsase co vermello da brasa
e a excusa da ferramenta
serve para quecer entre palabras.

2007

Os caminos nunca te levaron
tan lonxe que non souberas
volver.

O teu soñó ficaba aquí.

El engánchame nos pulsos
todas as túas vidas
e as deles na túa.

Pinceis e tenaces de corte
tenaces de volta
tenaces de lume
o branco roto
e o afiador que informaba á CÍA.

No outro lado
a barriga dos cabalos de madeira
sumaba a túa vida á miña,
os amorodos de regaliz,
as bonecas degoladas,
e o desexo de morrer
nunha cortiza de carballo.
Lorena Souto
A solaina de Pilono, xullo 2007

0 comentarios