Blogia
FUNDACIÓN PACO LAREO

IES MARCO DO CAMBALLÓN. Entrevista feita por Patricia Méndez. 4 º ESO

IES MARCO DO CAMBALLÓN. Entrevista feita por Patricia Méndez. 4 º ESO

Fotos: Paco Penas


Os inicios, a vocación


¿Cre que a súa infancia lle marcou un pouco o sendeiro
polo cal se había guiar unha vez maduro?


Creo que a familia é a célula máis importante de toda a
sociedade, dende logo que si, creo profundamente que eu coma calquera persoa que
nace nun espacio decide desde xa antes de nacer as sensacións dunha cultura
básica, da profundidade da dun pobo como é a nosa rural e eso lévalo toda a vida
por diante. Nacín nun seo familiar de artesáns, de ferreiro. A s miñas mans
puxéronse a facer cousas dende moi pequeno inclusive cheguei a pensar que a
axilidade das mans ten que ver coa intelixencia. Con doce anos xa fixen unha
estatuíña.


¿Por que elixiu esta profesión?


Non a elixín, case nunca elixo, sinto a necesidade de
facelo pero non de cara a un triunfalismo, porque eu non busco éxito. Son unha
persoa que teño os mesmos vicios e virtudes que calquera e, por exemplo, en
canto ó protagonismo e ó triunfalismo non é exactamente o programa da miña vida.
Síntome moi afortunado porque traballo naquelo que me gusta e eso é para min tan
importante que é se acaso o máximo galardón que recibín do creador.


¿Que pensou a familia sobre a súa vocación?


Nunca tiven a oposición da familia.


¿Viviu sempre aquí en Galicia?


Non, ata os 15 anos estiven en Galicia e logo marchei para
Madrid.


¿Por que razón tivo que marchar?


Pola razón de facerse artista.


¿Marcouno en algo a emigración?


Claro que si, marchei moi novo, prácticamente a mellor
época dun ser humano paseina fóra de España. Pero no que máis me marcou foi en
aprender a valorar o noso país. Non sabía que era tan importante, que tiña esa
calidade de fermosura, que a nosa xente é de corazón aberto e tamén comprendín a
necesidade de facer cousas para mellorar o noso coñecemento.


 


A obra, o artista, o home




Imos poñernos no caso de que eu non coñezo a Paco Lareo;
¿como se definiría?



Definirse un mesmo non pode, non debería. O único que podo
resaltar é que eu polas mañás cando me levanto, despois de observar que espertei
e que teño un día por diante, saco unha bandeiriña, é a bandeiriña de tonto;
porque vexo que é unha palabra que ofende a todo o mundo e considero que é tan
común ser listos que non me vale, prefiro ser tonto.


¿Sempre desexou ter e ser o que actualmente ten e é?


Nunca mo planteei como un desexo, senón como un estímulo,
unha necesidade.


¿Foille doado conseguir o que ten?


Non, pero considérome unha persoa filla do amor e con sorte.


Vostede é pintor e escultor pero, ¿qué é o que máis lle
gusta?


Onde son máis feliz é na escultura, onde máis sufro é na
pintura.


¿Cal é o seu artista preferido?


Prefiro buscar dentro de min, o resto son referencias.


¿Como consegue inspirarse?


Polo regular, o exercicio das artes ten que ser diario. É
un exercicio diario. Eu remataríache dicindo unha frase de Picasso: "A
inspiración se existe que me pida traballar"


¿En que ano e onde presentou a súa primeira obra?


En 1953, en Santiago, nunha pequena exposición no colexio
Peleteiro.


¿Cal foi a súa obra máis importante e coñecida?


Titúlase A deusa de Vulcano


¿Cal foi a súa última obra?


Será o meu cadaleito.


¿Realiza algunha outra actividade ademais da pintura e a
escultura?


Atendo á miña condición de director da Solaina: a parte
administrativa, a de conservación do espacio e a atención ás relacións públicas.


¿Como considera que está actualmente o mundo desa arte á
que lle dedica a súa vida e o seu tempo con énfase?


Eu diríache, así de maneira graciosa, que está coma unha
moto, porque a verdade é que algunhas veces me asombro dos brincos que pillamos
principalmente o noso rural galego, que aínda non saímos do arado de pao e xa
estamos en Internet.


 



A Solaina: orixes, organización,
actividades, obxectivos...



Segundo os meus datos o Museo da Solaina fundouse no ano
1984 e legalizouse no 94. Fálenos un pouco dos factores que axudaron e
interviron para que puidera xurdir. Primeiramente chamouse Fundación o Labrego,
logo Solaina Bohemia de Piloño. O factor está dentro dela. Intenta crear en
Piloño un espacio para as artes en liberdade.


¿Que había antigamente no que é hoxe A Solaina?


Era unha palleira de estructura arquitectónica ó lado da
casa do labrego para a palla, orientada cara o surleste, de aí vén o nome da
Solaina, interpretándoo en latín.


¿En que ano se empezou a construír A Solaina?


En 1893, por Andrés Lareo Vaamonde, nacido en 1870 na aldea
de Ollares.


¿E acabar?


A cultura é o que vén detrás. Agora o que fai a Solaina é
traballar coas artes. Non se acabou.


¿Como definiría e que significa A Solaina?


Definiríaa como unha necesidade que non existe nos seus
arredores.


Á parte, para min, primeiro foi o espacio no que nacín.
Segundo estamos sentados na forxa que recordo dende neno. Foi onde despertei e é
un sentimento imborrable. Agora mesmo parece que estou escoitando contos a
través das pedras da forxa. A Solaina para min unhas veces fai de nai, de muller,
fai de amor, ese sentimento quente que todos os seres humanos temos e que
cadaquén adícao ó que sente nese momento.



¿De cantas partes consta a Solaina e para que serve cada
unha delas?


A Solaina propiamente dita, a forxa, a Solaina Filla, Eira
de mallar, o baixo da Solaina Nova, o ático da Solaina Filla. A forxa está sen
terminar e serve para traballar no inverno.


A Solaina Filla é un lugar de exposición permanente, para
conferencias, concertos e teatro. A Solaina é un lugar de exposición permanente
de obras de arte.


¿Cal desas partes é a máis antiga e cal a máis nova?


A máis antiga é a Forxa e a máis nova é a Solaina Filla.


¿Cal é o obxectivo fundamental da Solaina?


Promover e divulgar a cultura dentro e fóra da nosa
autonomía.


¿Ten relación con outros países?


Si: Alemaña, Francia, Inglaterra, Italia, Portugal,
Arxentina, Venezuela e diversas autonomías de España.


En 1997 pasaron exactamente 3325 visitantes.


Coméntenos un pouco a estatística deste ano.


Desbordouse, duplícase en relacióna outros anos, moitísima
asistencia. Un novo fenómeno apareceu, os colexios intentan facer un taller de
debuxo. Estou moi contento, pero tamén aumentan os compromisos.


¿Quen forma a directiva da Solaina?


Armindo Salgueiro (vicepresidente); Carmen Lareo
(secretaria);José Bispo Montero, Javier Vázquez Parcero, Damián Paio e o
presidente da Asociación de Veciños como patrono; e eu como presidente.


¿A maioría das obras que se expoñen son súas ou doutros
pintores?


Doutros. Exponse unha obra por autor.


¿Están en venda?


Non ,non se vende, a non ser que sexa en consenso.


¿Que outros artistas mostran a súa arte aquí?


Moitos: Laxeiro, Sucasas, Lamazares, Guerreiro...


Pero ademais de cadros e esculturas ten tamén na Solaina
expostos obxectos antigos, fálenos un pouco deles.


Estanse preparando para unha exhibición permanente onde
estarán obras de interese histórico.


Se non estou mal informada, a Solaina ten socios ¿hai
moitos?


150


Por aquí, como é de supoñer, debeu pasar moita xente
importante.


D e todos os niveis, tanto políticos como culturais: Fraga,
Alfredo Conde, Vázquez Quintol... As visitas que máis estimo son as do
contorno.Neste ano pasado estiveron Avelino Poussa Antelo, Xosé Luna, Vázquez
Pintor, Fernando Vilanova...


Fálenos un pouco das actividades que leva a cabo A
Solaina.


Están todas encadradas dentro dos obxectivos fundamentais
que debe cumprir: Obradoiro das artes, teatro, forxa literaria, talleres de
literatura e estar aberta ó publico sempre.


Tódolos anos na parede hai unha nova escultura dunha
cara representativa ¿cantas ten?


Cinco, fanas outros artistas colaboradores da Solaina.


¿Cal foi a primeira?


A de Laxeiro.


Resúmanos as finalidades das actividades da Solaina


Promover e divulgar a cultura. Harmonizar o noso espacio
labrego.


¿Decepcionouno algunha vez?


A Solaina nunca me decepcionou, o único que cometo fallos
son eu.


E para rematar, ¿a Solaina é inmortal ou, pola contra,
cre que desaparecerá cando o sentimento de Paco Lareo desvaneza?


Eso non me pasa nin pola cabeza. Teño fe de que esto vai
seguir.



Patricia Méndez


4º de ESO



PACO LAREO é pintor, escultor e presidente do Museo A Solaina de Piloño. Este artista que di preferir buscar dentro de si mesmo, que o demais son referencias, é autor dunha abundante obra, entre a que destaca A deusa de Vulcano e define a súa vida como un "arrimar continuamente o ombreiro e meter a man no corazón na busca da liberdade". A seguir ofrecémosvos varios fragmentos de dúas entrevistas realizadas en agosto do 1999 e setembro do 2000 por Patricia Méndez, que nos permitirán coñecer algo mellor á persoa que se brindou a crear para nós a portada do primeiro número de Camballón.com.
www.camballon.com

6 comentarios

patricia Méndez alonso -

Eres moi grande PACO, nunca cambies. Os teus soños fixeron realidades moi grandes en Piloño. Gracias Paco, gracias.

Anónimo -

Rubèn Borrè -

Amigo Paco Lareo viendo la pajina a solaina de piloño recorde con mucho cariño cuando te vicitamos con el maestro Laxeiro ,y tu nos contabas los los sueños y maravillosos prollectos que tenias en mente y hoy muchos de ellos los veo realizados te felicito , te mando un abrazo y recuerda siempre que tienes un amigo en Buenos Aires que te espera.
Ruben `Borre

Luz Pichel -

Querido Paco: eu queríache dar as gracias por haber vido a Lalín o día 10. Non sei si este será o camiño máis dereito pra chegar hasta ti, pois, como non veñas a ver os comentarios ó millor non te enteras. Sentínme moi ben de atoparte alí, e poder compartir a miña poesía contigo. Xa che contéi a sorpresa que foi pra min darme de bruces ca Solaina, cando andaba por alí, gastando o tempo polos camiños, á percura de algunha alegría. Desde entonces tiña moitas ganas de te coñecer, e de verdad me alegréi de te ver. Graciñas.

Dorvisou -

Gracias Jaime.
La vida sin "pasatiempos" sería demasiado aburrida vivirla. Trabajar es el vehiculo que te lleva al parque. El parque está lleno de atraciones. Diviertete.

Jaime Guell -

Saludos a Paco Penas las fotos es lo suyo, la de las fresas con Paco Lareo parece que puedes llegar a ellas.
sigue asi, un saludo ,Jaime.