A SOLAINA E AS SÚAS XUNTANZAS por Román Rodríguez González
por Román Rodríguez González
Pintura: Paco Lareo
Paxariñas. Piloño. Vila de Cruces. Deza. A terra. Son palabras que inventámo-los homes para delimita-la nosa realidade. Cada unha transmite percepcións e sensacións diferentes. E cada unha escenifica un espacio concreto onde pezas que o configuran encaixan como nos crebacabezas que fan os nenos. O Pico da Piñeireta pecha o particular microcosmos que enmarca a Solaina, pero é tamén, ¡que contradicción!, a porta dun mundo sen límites nin fronteiras. mundo de relacións e de intercambios que dá como froito unha obra artística singular na súa concreción e no seu proceso creativo.
O acontecemento remóntase a 1992. Cada dous anos témo-la sorte de que este foro de acollida se difunda cada con máis forza, convertendo a pequena aldea de Paxariñas nun referente -quen sabe se mundial?- das vangardas artísticas. E facéndoo, o que ten máis mérito, sen perder nunca a súa idiosincrasia, a súa orixe netamente rural e a súa conexión coas xentes do lugar. A Solaina e as súas Xuntanzas nacen e viven ó pé dun pequeno camiño que leva ó campo festa. Está rodeada de leiras, prados e algunhas vides. Non desentoa nin causa impacto no sitio. E só un xa inmaterial cruceiro de ferro avisa da súa presencia. Non é, xa que logo, unha catedral no deserto, nin un invento, nin un artificio. É unha parte da paisaxe, da cultura, cunhas raíces profundas e ben alimentadas que lle permiten ofrecer unha frondosidade xenerosa, atraente e cativadora non só de numerosos artistas, senón tamén de moitos profanos que, coma mim, se senten amigos da Solaina.
Estamos perante unha exposición e un catálogo no que a propia localización da Solaina se reflicte. Onde artistas de toda España e outros chegados de Alemaña, Portugal, Francia ou Inglaterra non son alleos ó verde e rico colorido do contorno natural que os envolve e mimetiza. A utilización de materiais saídos das eiras, das carballeiras ou dos camiños e a propia concepción de moitas das obras paridas nesta IV Xuntanza son testemuños, xa historia, da reacción da proxección do espacio na creación artística.
É neste intre cando a maxia da comunicación ten lugar. Cando o global, o internacional, se deixa influír polo local, pola xeografía que envolve a Solaina e ó revés. Cando o continente dunha obra racha a fina raia que o separa do contido a través da inspiración. E cando a paisaxe se converte en arte pola interiorización e pola representación dos seus elementos na peza creada.
Román Rodríguez González na IV Xuntanza Obradoiro-Internacional das Artes Plásticas
0 comentarios