Blogia
FUNDACIÓN PACO LAREO

A HORA E O REINO LARANXA
por Carlos Negro

<center>A HORA E O REINO LARANXA<H6>por Carlos Negro</H6></center>
A HORA LARANXA.

Velaquí por fin a hora entre lusco e fusco cando os trasnos saen a colgar farrapos de sombra nos aramios do ceo e os grilos rompen en música baixo as poutas dos tigres máis alegres do reino felinos feroces que camuflan a peL con pinturas de amor nesta hora de perfumes encarnados de arrecendos a zucre e trópico de acordes tensos no aire presaxios de estampidas rinoceronte ó ritmo que marcan os tambores e o peito nesta hora abracadabra na que xorden os trasnos das ardentes covas para seren faíscas frenéticas entre os corpos frechas antílope que incendian a un tempo a pel dos vagalumes e as barrigas dos amantes e tamén a alí babá o señor do cofre das laranxas o mago marabilloso que xa corre como un neno invocado pola chamada da fera que agarda escondida no tobo no cubil que desata o desexo en cacería territorio terremoto onde se fai urxente o bocado da presa madura deliciosa carne fresca ofrecida en sacrifico nunha explosión muscular de masas caracois de volcáns de magma que violentan os ventres en vibrante movemento doce macedonia de fluidos zugados en feridas de seda en linguas lianas babosas bicos bolboretas berros de lava convulsións de mel zumes tan acuáticos na fervenza das entrañas na imprecisa xeografía do oco cova de cálidas paredes onde de súpeto aboian nubes de coral mares marmelada arrecifes habitados por peixes amarelos que van esvarando como pedras de río pola peí ata chegar as praias verdes onde venen morrer enormes baleas de carne cansa cetáceos derrotados na furia do combate que agora reclaman repouso no confín da selva no vértice acantilado onde rompen mar e amor en pura xerfa en encaixe de nevé que xungue e afasia paisaxes de berro ou nada no punto exacto sen retorno onde a selva toda é un anel de inmensa claridade unha esfera perfecta de auga e carne un globo de luz que colma o aire do crepúsculo como unha laranxa en exacta plenitude.

O REINO LARANXA

por dentro de nos mesmos
por entre as arañeiras que cobren os recantos da alma
existen aínda países pausados no aire das ponlas
territorios de roupa branca con recendo a herba
lugares onde medran prados soños e laranxas
e mazas tan verdes como o cariño cando nace
por dentro de nos mesmos
máis ala das cancelas que as palabras non abren
permanece en pe o reino invisible dos cantos
o oco cova onde habita desde sempre alí babá
o auténtico señor daquelas historias antigás
que forón amasando con faragullas de pan
e asombros de neno
o marabilloso alí babá dos soños laranxas
o mago abracadabra da pata de cabra
o ilusionista ábrete sésamo que garda no peto
córenla trasnos con artes de circo
e un peite para a barba de ouro
por dentro de nos mesmos
nos recunchiños máis sabrosos do corpo
sobreviven aínda escondidos
os trasnos máis trastes do mundo
os únicos capaces de inventar cada noite
trucos de lume e proceres sorpresa
os únicos que lembran aínda a ruta da illa do tesouro
onde un día ficaron náufragos tantos soños
tantas ilusións que tan fácil se forón esquecendo
nas perchas do armario da memoria
por dentro de nos mesmos
por entre mares piratas de nubes
navegan dornas costureiras de amor
penélopes de vento e vela que tecen e destecen rumbos de coral
suaves singraduras de seda que perseguen
o ronsel da costa abrigosa
o peirao onde agarda paciente
o ser amado e amante
o ser humano disposto a ofrecerse e ofrecernos
o tacto formiga que nos vai devolvendo
afondo profundo do propio ser
ó recinto sagrado da lareira lume
onde segué a arder a máis intensa luz
e a calor de pan do máis quentiño paraíso
no único lugar do universo
onde so existimos nos
ala dentro
no reino redondo que non é deste mundo
pero tampouco doutro
no único lugar do universo onde aínda florecen
como un bosque diminuto de soles
as laranxas máis marabillosas
da horta secreta de alí baba

Carlos Negro na IV Forxa Literaria (Encontros Culturais no Rural)

0 comentarios