Se muestran los artículos pertenecientes a Enero de 2004.

Resumen

A Solaina e Paco Lareo

A

Paco Lareo_3

A esencia máis pura da terra concéntrase na horta da SOLAINA.

Dous rios circundan a maxia das súas entranas, sendo tanta a fertilidade, que mesmo ás pedras lle saen gromos de beleza.

Sentarse naquela horta, unha noite de vran e lua chea para escoitalos paxaros que un leva dentro ou para deixar-se envolver polo misterio nas tebras que nos ofrecen as súas noites pechas de néboas é todo un poema para os sentidos do home.

cando estás co amigo PACO LAREO podes falar da materia en estado puro, do espiritu ou estar calado. O silenzo conxúgase co armonioso murmullo silvestre dos pinos ou da auga dun regueiro que instintivamente vai na procura do río para que o leve ó mar.

A SOLAINA de piloño é unha nova vara de medi-la cultura. Un espazo lúdico onde o home enriquece o seu interior do propio entorno luxurioso que o sostén.

Paco Penas de DORVISOU

02/01/2004 12:44 enlace permanente. Tema: TeXToS Hay 4 comentarios.

AS PROPOSTAS DO RURAL

eira_2.JPGA distancia respecto dos grandes centros urbanos é un dos motivos con máis frecuencia alegados para justifica-las dificultades coas que se atopan moitos dos proxectos culturais que cuaslificamos de periféricos. Cando contan co apoio público, dependen abondo do empeño personal de quen os dirixe; cando a iniciativa eo soporte son privados, aumentan o risco e as dificultades.

Cando isto ocurre, cando desde o sector privado se propoñen proxectos que tentan o sempre controvertido do contemporáneo, o eco acadado non deixa de sorprender. Un ejemplo claro témolo na Fundación Museo Casa A solaina de Piloño. Situada nun medio rural, a iniciativa provoca se cadra non dun xeito consciente, pero si moi eficaz que o chegamento á arte contemporánea se fundamenta unicamente na ausencia de prejuicios. Os teóricos insisten en que a característica distintiva destas obras que moitos cualifican de escuras, de crípticas, non é outra que a súa vinculación, mesmo o seu compromiso, co actual. Que as obras, en definitiva, utilicen os materiais do momento e susciten preguntas que non exclúan as cuestións que se debaten actualmente.

As obras que se reúnen na fundación Museo Casa A Solaina de Piloño participan dese espírito, aínda que inciden nun dos aspectos que a miúdo esquecemos adoita estar relacionado coa arte, o goce lúdico. Nel céntrase unha das activididades máis afortunadas de cantas suscita a institución que dirixe Francisco Lareo: unhas xornadas que, cada dous anos, reúnen un grupo de artistas de moi distintas procedencias e linguaxes. Un grupo que coincide nas intencións, nos esforzos, en propoñe las súas preguntas desde as artes plásticas, pero que se amosa firme ó defende-la particularidade de cada proxecto artístico.

A Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño é, xa que logo, un ejemplo eficaz de cómo programar actividades integrándoas nun medio peculiar sen que por iso teñan que renunciar ás súas características distintivas, propias. Se nos grande núcleos urbanos, os museos e as institucións teñen que procurar que o excepcional sexan as obras exportas neste caso é tamen o medio e o xeito como xorden, e moi especialmente o animo desde o que se suscita todo.

Miguel Fernández-Cid (IV Xuntanza)
04/01/2004 22:04 enlace permanente. Tema: TeXToS No hay comentarios. Comentar.

O MÁIS HETEREDOXO DOS MUSEOS RURAIS

Pillado_0.jpgEncravada no corazón do Deza, a SOLAINA de Piloño érguese como o máis heterodoxo dos museos rurais galegos,
algo asi como aquela selvática e extraordinaria sala de concertos que Herzog imaxinara para unha das súas películas na espesura do amazonas. Sen embargo o museo adquire unha dimensión diferente e non só garda cadros en estancias que antano compartirón o gando ou o grao e mesmo a ferrería que orixinou aquel conxunto artístico, ás veces trastoca a súa función de vivenda museo para converterse en obradoiro de artes visuais, en receptáculo privelexiado de xentes de diferentes nacionalidades para compartir entón o debate contemporáneo e o traballo baixo os ritmos daquela naturaza que mestura tanto os sentimentos como fecunda un novo ideal panteísta de mira-la creación. Mais a alma da SOLAINA e do seu proxecto- absoluta iniciativa privada- é ese solitario e visionario artista de Piloño, Paco Lareo. O artista que loita por conserva-la memoria estrutural e paisaxistica do lugar, a súa propia antropoloxia, poblada agora polos “desaxustes” benintencionados da pintura e dos pintores galegos, da escultura ou de calquera deseñador de inventos que poidan impugna-lo frenesí daquel gran obradoiro agradecido.
Deste xeito a solaina é máis ca un proxecto perdido na terra de Cruces, sen dúbida, o modelo de transformación, a traves da arte, á que poden aspirar tamén os pobos esquencidos na xeografía dos circuítos.

XOSÉ ANTON CASTRO (II Xuntanza obradoiro das artes visuais na SOLAINA de Piloño)
07/01/2004 12:42 enlace permanente. Tema: TeXToS No hay comentarios. Comentar.

IES MARCO DO CAMBALLÓN. Entrevista feita por Patricia Méndez. 4 º ESO

Lareo.jpg

Fotos: Paco Penas


Os inicios, a vocación


¿Cre que a súa infancia lle marcou un pouco o sendeiro
polo cal se había guiar unha vez maduro?


Creo que a familia é a célula máis importante de toda a
sociedade, dende logo que si, creo profundamente que eu coma calquera persoa que
nace nun espacio decide desde xa antes de nacer as sensacións dunha cultura
básica, da profundidade da dun pobo como é a nosa rural e eso lévalo toda a vida
por diante. Nacín nun seo familiar de artesáns, de ferreiro. A s miñas mans
puxéronse a facer cousas dende moi pequeno inclusive cheguei a pensar que a
axilidade das mans ten que ver coa intelixencia. Con doce anos xa fixen unha
estatuíña.


¿Por que elixiu esta profesión?


Non a elixín, case nunca elixo, sinto a necesidade de
facelo pero non de cara a un triunfalismo, porque eu non busco éxito. Son unha
persoa que teño os mesmos vicios e virtudes que calquera e, por exemplo, en
canto ó protagonismo e ó triunfalismo non é exactamente o programa da miña vida.
Síntome moi afortunado porque traballo naquelo que me gusta e eso é para min tan
importante que é se acaso o máximo galardón que recibín do creador.


¿Que pensou a familia sobre a súa vocación?


Nunca tiven a oposición da familia.


¿Viviu sempre aquí en Galicia?


Non, ata os 15 anos estiven en Galicia e logo marchei para
Madrid.


¿Por que razón tivo que marchar?


Pola razón de facerse artista.


¿Marcouno en algo a emigración?


Claro que si, marchei moi novo, prácticamente a mellor
época dun ser humano paseina fóra de España. Pero no que máis me marcou foi en
aprender a valorar o noso país. Non sabía que era tan importante, que tiña esa
calidade de fermosura, que a nosa xente é de corazón aberto e tamén comprendín a
necesidade de facer cousas para mellorar o noso coñecemento.


 


A obra, o artista, o home




Imos poñernos no caso de que eu non coñezo a Paco Lareo;
¿como se definiría?



Definirse un mesmo non pode, non debería. O único que podo
resaltar é que eu polas mañás cando me levanto, despois de observar que espertei
e que teño un día por diante, saco unha bandeiriña, é a bandeiriña de tonto;
porque vexo que é unha palabra que ofende a todo o mundo e considero que é tan
común ser listos que non me vale, prefiro ser tonto.


¿Sempre desexou ter e ser o que actualmente ten e é?


Nunca mo planteei como un desexo, senón como un estímulo,
unha necesidade.


¿Foille doado conseguir o que ten?


Non, pero considérome unha persoa filla do amor e con sorte.


Vostede é pintor e escultor pero, ¿qué é o que máis lle
gusta?


Onde son máis feliz é na escultura, onde máis sufro é na
pintura.


¿Cal é o seu artista preferido?


Prefiro buscar dentro de min, o resto son referencias.


¿Como consegue inspirarse?


Polo regular, o exercicio das artes ten que ser diario. É
un exercicio diario. Eu remataríache dicindo unha frase de Picasso: "A
inspiración se existe que me pida traballar"


¿En que ano e onde presentou a súa primeira obra?


En 1953, en Santiago, nunha pequena exposición no colexio
Peleteiro.


¿Cal foi a súa obra máis importante e coñecida?


Titúlase A deusa de Vulcano


¿Cal foi a súa última obra?


Será o meu cadaleito.


¿Realiza algunha outra actividade ademais da pintura e a
escultura?


Atendo á miña condición de director da Solaina: a parte
administrativa, a de conservación do espacio e a atención ás relacións públicas.


¿Como considera que está actualmente o mundo desa arte á
que lle dedica a súa vida e o seu tempo con énfase?


Eu diríache, así de maneira graciosa, que está coma unha
moto, porque a verdade é que algunhas veces me asombro dos brincos que pillamos
principalmente o noso rural galego, que aínda non saímos do arado de pao e xa
estamos en Internet.


 



A Solaina: orixes, organización,
actividades, obxectivos...



Segundo os meus datos o Museo da Solaina fundouse no ano
1984 e legalizouse no 94. Fálenos un pouco dos factores que axudaron e
interviron para que puidera xurdir. Primeiramente chamouse Fundación o Labrego,
logo Solaina Bohemia de Piloño. O factor está dentro dela. Intenta crear en
Piloño un espacio para as artes en liberdade.


¿Que había antigamente no que é hoxe A Solaina?


Era unha palleira de estructura arquitectónica ó lado da
casa do labrego para a palla, orientada cara o surleste, de aí vén o nome da
Solaina, interpretándoo en latín.


¿En que ano se empezou a construír A Solaina?


En 1893, por Andrés Lareo Vaamonde, nacido en 1870 na aldea
de Ollares.


¿E acabar?


A cultura é o que vén detrás. Agora o que fai a Solaina é
traballar coas artes. Non se acabou.


¿Como definiría e que significa A Solaina?


Definiríaa como unha necesidade que non existe nos seus
arredores.


Á parte, para min, primeiro foi o espacio no que nacín.
Segundo estamos sentados na forxa que recordo dende neno. Foi onde despertei e é
un sentimento imborrable. Agora mesmo parece que estou escoitando contos a
través das pedras da forxa. A Solaina para min unhas veces fai de nai, de muller,
fai de amor, ese sentimento quente que todos os seres humanos temos e que
cadaquén adícao ó que sente nese momento.



¿De cantas partes consta a Solaina e para que serve cada
unha delas?


A Solaina propiamente dita, a forxa, a Solaina Filla, Eira
de mallar, o baixo da Solaina Nova, o ático da Solaina Filla. A forxa está sen
terminar e serve para traballar no inverno.


A Solaina Filla é un lugar de exposición permanente, para
conferencias, concertos e teatro. A Solaina é un lugar de exposición permanente
de obras de arte.


¿Cal desas partes é a máis antiga e cal a máis nova?


A máis antiga é a Forxa e a máis nova é a Solaina Filla.


¿Cal é o obxectivo fundamental da Solaina?


Promover e divulgar a cultura dentro e fóra da nosa
autonomía.


¿Ten relación con outros países?


Si: Alemaña, Francia, Inglaterra, Italia, Portugal,
Arxentina, Venezuela e diversas autonomías de España.


En 1997 pasaron exactamente 3325 visitantes.


Coméntenos un pouco a estatística deste ano.


Desbordouse, duplícase en relacióna outros anos, moitísima
asistencia. Un novo fenómeno apareceu, os colexios intentan facer un taller de
debuxo. Estou moi contento, pero tamén aumentan os compromisos.


¿Quen forma a directiva da Solaina?


Armindo Salgueiro (vicepresidente); Carmen Lareo
(secretaria);José Bispo Montero, Javier Vázquez Parcero, Damián Paio e o
presidente da Asociación de Veciños como patrono; e eu como presidente.


¿A maioría das obras que se expoñen son súas ou doutros
pintores?


Doutros. Exponse unha obra por autor.


¿Están en venda?


Non ,non se vende, a non ser que sexa en consenso.


¿Que outros artistas mostran a súa arte aquí?


Moitos: Laxeiro, Sucasas, Lamazares, Guerreiro...


Pero ademais de cadros e esculturas ten tamén na Solaina
expostos obxectos antigos, fálenos un pouco deles.


Estanse preparando para unha exhibición permanente onde
estarán obras de interese histórico.


Se non estou mal informada, a Solaina ten socios ¿hai
moitos?


150


Por aquí, como é de supoñer, debeu pasar moita xente
importante.


D e todos os niveis, tanto políticos como culturais: Fraga,
Alfredo Conde, Vázquez Quintol... As visitas que máis estimo son as do
contorno.Neste ano pasado estiveron Avelino Poussa Antelo, Xosé Luna, Vázquez
Pintor, Fernando Vilanova...


Fálenos un pouco das actividades que leva a cabo A
Solaina.


Están todas encadradas dentro dos obxectivos fundamentais
que debe cumprir: Obradoiro das artes, teatro, forxa literaria, talleres de
literatura e estar aberta ó publico sempre.


Tódolos anos na parede hai unha nova escultura dunha
cara representativa ¿cantas ten?


Cinco, fanas outros artistas colaboradores da Solaina.


¿Cal foi a primeira?


A de Laxeiro.


Resúmanos as finalidades das actividades da Solaina


Promover e divulgar a cultura. Harmonizar o noso espacio
labrego.


¿Decepcionouno algunha vez?


A Solaina nunca me decepcionou, o único que cometo fallos
son eu.


E para rematar, ¿a Solaina é inmortal ou, pola contra,
cre que desaparecerá cando o sentimento de Paco Lareo desvaneza?


Eso non me pasa nin pola cabeza. Teño fe de que esto vai
seguir.



Patricia Méndez


4º de ESO



PACO LAREO é pintor, escultor e presidente do Museo A Solaina de Piloño. Este artista que di preferir buscar dentro de si mesmo, que o demais son referencias, é autor dunha abundante obra, entre a que destaca A deusa de Vulcano e define a súa vida como un "arrimar continuamente o ombreiro e meter a man no corazón na busca da liberdade". A seguir ofrecémosvos varios fragmentos de dúas entrevistas realizadas en agosto do 1999 e setembro do 2000 por Patricia Méndez, que nos permitirán coñecer algo mellor á persoa que se brindou a crear para nós a portada do primeiro número de Camballón.com.
www.camballon.com
09/01/2004 12:49 enlace permanente. Tema: a FoRXa Hay 6 comentarios.

MATANZA POR INTERNET

otestinho_1.JPG
ACTIVIDADES NA SOLAINA
por Alba Paio Froiz

O porco.es(estaba) na corte almorzando.com

a pouca cea que lle quedara @ noite.

Non sabía que era o último día.

O carniceiro.es baleirou os seus útiles

de asesino ao chan. Nin sutileza para limpalos.

www.porco morto. Retransmitido por html.

Http//. o sangue foi recollido pola

vella.usc para facer as riquísimas

filloas.

Os nenos.edu da familia queimaban

as unllas do porco, a modo

de aprendizaxe dos maiores.

O avó no portal enviou

unha mensaxe para que lle

trouxeran aquel coitelo tradicional

para axudarse no baleirado dos órganos.

O correo (electrónico) foi recibido polo buzón (de voz)

da súa neta predilecta e arquivado pola nai que preparaba

o porco ao que lle ía creando unha carpeta.

A avoa comezou a lavar as tripas.

Arquivo en branco.

Unha nova páxina web abriuse

era a hora das fotos (escaneadas).

Incharon os pulmóns para darlle

documento histórico ao asunto.

Mesmo este ano houbo vídeo co CD Rom.

Inicia Entra Sae.

Oh! un virus inseriuse no porco.

Había que tiralo ao lixo ou reciclalo.

Odía quedou rexistrado no Microsoft Word.

Abriuse unha ventá e deseguido oíuse un berro

PODES APAGAR O EQUIPO

ALBA PAYO FROIZ nos encontros culturais no rural da V forxa
literaria

12/01/2004 05:32 enlace permanente. Tema: PoeSía Hay 2 comentarios.

A ILUSIÓN E O TRABALLO

momentos_10.JPG
M.Anxo Fernán Bello(Espiral Maior), Paco Penas de DORVISOU, Xosé Vázquez Pintor(Poeta, ensaísta, dramaturgo e narrador), Manuel Bragado(Xerais), Paco Lareo(Presidente fundador da SOLAINA) na fÉrtil horta da SOLAINA de Piloño.


A ilusión e o traballo non teñen cancelas. A capacidade creativa e o interese de aglutinar esforzos por unha causa común tampouco. A Solaina, con todo o que significa, e xa é, encerrada en si mesma todo o bo e xeneroso que gardamos, a veces moi agachado, todos nos.

Non é xa a primeria vez que na solaina se celebran actividades culturais dunha calidade material e humana como son as Forxas literarias. Os que eramos ó seu redor, por estar xa afeitos non somos conscientes da verdadeira transcendencia que todo esto supón. Aquí faise teatro, música, literatura, pintura…, arte en definitiva e creándose novos mundos, a veces utópicos, pero moito mellor que os de tódoslos días. En ocasións, desde fóra tampouco se aprecian en toda a súa dimensión o que á a Solaina, pensándose que por non facerse nunca gran cidade é menos importante.

Que errados estamos todos. A solaina pasará a historia da nosa comarca e de toda galicia como unha experiencia vital, única, solidaria, creativa e, sobre todo, humana.
Neste mes de xuño de 2001 por Piloño pasaron actores teatrais, poetas, músicos, escultores, periodistas,…algúns noveis e cheos de ilusións e outros xa consagrados. Todos están xuntos e participan, colaboran e aprenden uns dos outros.

Ademáis este ano foi especial pois lembrouse a memoria de dous amigos que xa non están con nós. Homes bos, de enormes valores persoais, que no seu breve paso polas nosas vidas deixaron uns recordos que sempre nos acompañarán.

Este pequeno libro que hoxe tes nas túas máns servirá para gardar no tempo o que foi a V Forxa Literaria. Por este motivo desde o Seminario de Estudios de Deza énos grato poder contribuir, aínda que modestamente, ó recoñecemente que A Solaina se merece.

ROMÁN RODRÍGUEZ GONZÁLEZ é coordinador do seminario de Estudios do DEZA
V FORXA LITERARIA, Encontros culturais no rural.Ano 2001
15/01/2004 03:14 enlace permanente. Tema: TeXToS No hay comentarios. Comentar.

O ESCARABELLO DE FERRO

Escultura de Paco Lareo

escaravello de ferro_2.JPG

O neto do ferreiro

tamén quixo forxar un enreixado

de palabras precisas e perennes

como o ferro.

Forxar as migallas dun abecedario

ata facelas conmovedoras,

transparentes e puras

como o orballo da mañan

que esbara nas follas da verdura

ou da herba.

Un día o neto do ferreiro

atopou coa luz cromática da lingua

na carboenta forxa dos seus soños

e anceiou engarzar

toda a beleza do presente,

do pasado e do futuro.

Anceiou afogarse alí

na paixón do lume,

na dor dos seus

como seselle estivera abrindo un río

de troitas e nenúferos brancos

dende o peito á gorxa

CANDIDO DURO.

( Para o meu amigo Paco da Solaina de Piloño con fonda admiración pola súa obra-
unha aperta.Cándido Duro )

IV FORXA LITERARIA encontros culturais no rural.

18/01/2004 13:26 enlace permanente. Tema: FoRXaS LiTeRaRiaS No hay comentarios. Comentar.

FÁBRICA ÍNTIMA

escultura_1.JPG

Escultura: Paco Lareo



Tece soa a súa tea a lenta tarántula.
Escura nun recanto da confusión do asedio
recolle entre as ruínas da desfeita
os trofeos da morte. Receosa
do fado quebradizo coma un tesouro
acaricia na sombra as súas propias feridas
e vive da convincción de que a vida prosegue
mentras no peito aínda un corazón latexe.
Sabe que todo está perdido, sabe
que nada será igual, e non obstante,
soa e inerte no medio da noite
prende un cativo lume que escintila
pola gándara erma do silencio
coma se fose unha voz. Humildemente
tece soa a súa tea a lenta tarántula
e mide na dor a estatura da vida.


PoesíaGONZALO NAVAZA

IV FORXA LITERARIA Encontros culturais no rural
21/01/2004 19:35 enlace permanente. Tema: FoRXaS LiTeRaRiaS No hay comentarios. Comentar.

ACTIVIDADES CELEBRADAS NA VI FORXA LITERARIA, Xuño do 2003

cartel_VIxuntanxa.jpg

Fundación Casa Museo A SOLAINA DE PILOÑO
VI forxa Literaria Xuño 2003 (Encontros Culturais no Rural)



Na lembranza de MANUEL REIMÓNDEZ PORTELA

SÁBADO 21



Inauguración da VI Forxa literaria
Exposición fotográfica: Rosa Veiga
Exposición de libros: Seminario de estudios de Deza, editorial Fervenza
Presentación da novela Mar de bronce de Xosé Vázquez Pintor de Xerais
Presentación do poemario "Para iso está o futuro" de David Otero de Fervenza
Teatro "Os armadanzas da SOLAINA" poñen en escea a obra de Vázquez Pintor "Sala de Espera", dirixida por Patricia Méndez

DOMINGO 22



Homenaxe a Manuel Reimóndez Portela ( Médico rural, escritor, Filántropo)
Charla coloquio sobre a vida e obra do persoeiro:
Xosé Neira Vilas
Olimpio Arca
Xoán Andrés Fernández Castro
Valentín González

Descuberta de un busto do homenaxeado feito polo escultor do Deza O Vila
Interpretación da muñeira da SOLAINA e o himno galego polos músicos Enrique Viz e Manuel Otero
Entrega de medallas "amigos da SOLAINA" a Xosé Neiras Vilas e a título póstumo a Manuel Reimóndez Portela
Concerto: Orfeón Parroquial " Nosa Señora de HOY-VAS"

XOVES 27



Recepción de participantes do II Obradoiro literario
Portugal: Orlando José Figueirido, José Jerónimo Ferreira
Galicia: Sechu Sende, Enma Couceiro, Marta Dacosta, Rosa Aneiros

<

SÁBADO 28



Continúa o II Obradoiro literario
II Certame literario "Forxa infantil"
Lectura dos traballos e presentación do dossier dos realizados na Forxa
Seisdedos de Lalín pon en escea o espectáculo de marionetas "VARIETÉS"

DOMINGO 29



Conclusión do Obradoiro literario
Cousas de Carlos Blanco
Recital músico- poético Galaico- Portugués
Tuba: Pablo Goval Golmar
Poetas:
Antía Otero
Carlos Negro
David Otero
Enma Couceiro
Estívaliz Espinosa
Fernando Gonzaléz
José Jerónimo Ferreiraç
Lucía Aldao
Orlando José Figueirido
Xosé Maria Alvarez Cáccamo
Xosé Luna
Xoán Xosé Fernández Avella
Yolanda Castro

Entrega da medalla "amigo da Solaina": Xosé Molina
Clausura : gaiteiros " O arco de Merza",
Merenda recetario polo mestre Siro do restaurante Calderón de Santiago de Compostela
Filloas tradicionais a cargo de Xose Molina do centro de estudios da filloa de Merza.


Esta bitácora só pretende amosar a grande paixón que desperta en nos todo aquelo que rodea a SOLAINA DE PILOÑO. Non é unha bitácora oficial da Fundación . É o noso agradecemento a un grupo de persoas que loitan xenerosamente para que a Galiza esperte do seu sono e progrese.
Paco Penas e Uxio. Tenerife , Xaneiro, 2004
23/01/2004 21:42 enlace permanente. Tema: FoRXaS LiTeRaRiaS No hay comentarios. Comentar.

PACO LAREO BUSCANDO O SUR_ 1ª entrega

bemvida.JPG
Marco Iglesias tocando o himno do antigo Reino de Galicia,
na saida do aeroporto Reina Sofía,
para darlle a benvida o Armadanza Paco Lareo




Marco Iglesias, Paco Lareo e os meus filhos Iria e Uxio




Con uns amigos na finca do arte en Arona_Tenerife sur




Paco Lareo com Ramón Domínguez ( Queme)Un bon fotógrafo e melhor amigo nos Cristianos_ Tenerife Sur
26/01/2004 21:19 enlace permanente. Tema: a FoRXa Hay 2 comentarios.

PACO LAREO SIGUE BUSCANDO O SUR

decompras_1.JPG
Unha das fontes inagotavels de inspiración para moitos artistas sigue sendo a muller. Aquí temos ao noso amigo Paco Lareo nunha estampa, non moi inusual, con duas musas disposto a pecar.



Unha foto que define moi ben o conceuto, que teño eu, da amistade. Paco e Carmen Mato de Leiloio
30/01/2004 23:21 enlace permanente. Tema: a FoRXa No hay comentarios. Comentar.



FUNDACIÓN CASA MUSEO A SOLAINA DE PILOÑO

Laxeiro
"¡Oxalá que a SOLAINA medre tanto que poida ser albiscada desde a berenguela de Santiago de Compostela!"dixo o mestre LAXEIRO


Suscribir con Bloglines

Add to Technorati Favorites
Add to Google

Temas

Archivos

Enlaces